Noite de cine: Pradolongo

10-08-2017

Este sábado 12 de agosto ás 22.00 horas proxectarase, de balde, o filme Pradolongo no lugar de Fornelos, pertencente á parroquia zaense de Baio. “Noite de Cine” enmárcase dentro da programación estival que se organiza desde a Concellería de Cultura do Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña. Esta actividade comezou o pasado 29 de xullo co pase da película de Gerardo Herrero A praia dos afogados, programada para verse na histórica Ponte de Brandomil pero, por causas meteorológicas, trasladouse ao local social de Pudenza; e rematará o sábado 19 coa Esmorga no pazo das Torres do Allo.

Pradolongo é un filme do director Ignacio Vilar, estreado nas salas de cine de Galicia en 2008. Este conta a historia de tres amigos da infancia que ven como a súa amizade se vai deteriorando a raíz das diferencias de clase e dos conflictos amorosos que xorden nas súas vidas. O verán preséntaselles como todos os demais, con festas, tardes no río…pero desta vez nada vai ser igual.

Descargas

Compartir: