Día da Bici dentro da programación de actividades de verán
09-08-2017
Durante a mañá do domingo 13 de agosto terá lugar unha nova edición do Día da Bici no municipio de Zas. O percorrido, que será circular con saída ás 10:30 horas da praza do concello, está pensado para o disfrute de todas as idades. Os destinatarios da actividade son maiores de 6 anos e persoas adultas, que para poder participar só deberán realizar, obrigatoriamente, a inscrición, de balde, nos Centros Socioculturais de Zas ou de Baio, cuxo prazo está aberto ata o xoves 10 de agosto.
Ademais de inscribirse, outro requisito obrigatorio é o uso de casco.
Este ano os participantes percorrerán coas súas bicis ao redor de 20 km visitando diferentes lugares do municipio: Mira, Carreira, Gándara, San Cremenzo, Lamas e Baio. Neste último, farase unha parada na súa fermosa carballeira onde a organización ofrecerá aos asistentes un avituallamento para repoñer forzas, antes de voltar á praza do concello, punto de chegada da ruta, pasando de novo por Lamas. A hora de chegada está prevista entre as 13.30 e as 14:00 horas.
As predicións meteorolóxicas para o vindeiro domingo pronostican unha xornada solleira, polo que se recomenda o emprego dun factor de protección solar elevado.