Visita guiada por Brandomil
20-07-2017
O Concello de Zas, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico que contén a súa parroquia de Brandomil, ofrece o sábado 29 de xullo unha visita guiada polos recursos de maior importancia. A actividade dará comezo ás 19.00 horas na Ponte de Brandomil e terá unha duración aproximada dunha hora e media, durante a cal se visitarán, entre outros enclaves, a igrexa onde se produciron a maior parte dos achados ou algúns vestixios de época romana do camiño do Trapeso descubertos entre os anos 2007 e 2008.
Para inscribirse só é necesario chamar ao 981 751 398 (Centro Sociocultural de Zas) ou ao 981 718 056 (Centro Sociocultural de Baio). A visita é de balde e está dirixida ao público en xeral (os menores de idade deberán vir acompañados por un adulto). A organización recomenda asistir con roupa e calzado cómodo.
Unha vez remate o percorrido, convidarase a todos os asistentes a un aperitivo para repoñer forzas, para logo desfrutar da proxección do filme galego de drama e suspense dirixido por Gerardo Herrero, A praia dos afogados, ás 22.30 horas na Ponte de Brandomil.
Colaboran: Concello de Zas, Asociación Cultural Grandimirum de Brandomil e Deputación da Coruña.