Presentado o Curso de Monitor de Fútbol Base que se desenvolverá en Baio desde setembro
09-08-2016
Na mañá de hoxe, martes 9 de agosto, no salón de plenos do Concello de Zas, presentouse a convocatoria do Curso de Monitor de Fútbol Base que, desde setembro e ata o mes de novembro, se desenvolverá en Baio.
O acto estivo presidido polo alcalde de Zas, Manuel Muiño, que estivo acompañado por Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores; Chema Rey, presidente do Club Deportivo Baio; e Manuel Corredoira, delegado da Escola Galega de Adestradores na Costa e director das Escolas do recén formado Club Deportivo Concello de Zas.
Como xa é coñecido, na tempada que se inicia en setembro, todos os adestradores, para poder sentarse nos banquiños e dirixir aos seus equipos, deben estar titulados e, para esta campaña, en Primeira Autonómica pídese o nivel 1 ou UEFA B (para a próxima será o nivel 2 ou UEFA A), mentres que en Segunda e Terceira o nivel requirido será o de MONITOR, pero conscientes de que para a campaña 2017/18 será o nivel UEFA B e na 2018/19 xa o UEFA A (en Segunda), e en Terceira será MONITOR (2017/18) e UEFA B (2018/19).
Ademais, para os equipos de base é obrigatorio ter, alomenos, un entrenador titulado para cada dous equipos de fútbol 8, sendo o título necesario o de MONITOR, ata xuvenil local, nestas dúas tempadas, pero a partir das 2018/19 esixirase en xuvenís o título de UEFA B.
É certo que non hai moito os equipos queixábanse da case nula existencia de entrenadores titulados na zona da Costa, pero nos tres últimos anos, a Escola Galega de Adestradores, a través da súa Escola na Costa, leva convocados dous cursos de UEFA B (con 30 titulados nos mesmos), e un de UEFA A (con 16 titulados), mentres que de MONITOR son xa seis os cursos desenvolvidos (Dumbría, que foi o primero; Santa Comba (2), Fisterra, Muros e Muxía), cunha participación próxima aos 140 monitores.
Tanto o alcalde de Zas, Manuel Muiño, coma o director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera, esperan que o curso sexa un novo éxito e que os responsables dos equipos costeiros que non teñen titulación, se animen a realizalo e legalizar unha situación que, pouco a pouco, hai que ir corrixindo na Costa da Morte, pois é moi importante seguir potenciando cada vez máis aos técnicos o que, sen dúbida, redundará en beneficio dos Clubes e futbolistas.
As inscricións poden realizarse chamando aos responsables de Cultura e Deportes do Concello de Zas (Fidel Otero, no CSC de Zas 981751398; Lucía, no CSC Baio 981718056) ou poñéndose en contacto coa Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Fútbol (981120619, ext.5), antes do día 2 de setembro.