Programa Galeuropa
17-08-2015
Galeuropa é un programa subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo para a realización de prácticas laborais non remunerada en países da Unión Europea para mocidade de 18 a 25 anos inscrita no programa nacional de Garantía Xuvenil.
Os concellos de Camariñas, Carnota, Dumbría, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas participan neste programa co proxecto Galeuropa-Costa da Morte no que poderán participar 14 mozos e mozas destes concellos.
A mocidade participante poderá realizar prácticas laboráis non remunerada de 2 meses e 2 días en empresas de Portugal e Reino Unido correndo a cargo do programa a viaxe, aloxamento e estancia na cidade das prácticas. Ademáis contará con 30 horas certificadas de apoio lingüístico.
A finalidade do programa de mobilidade transnacional xuvenil é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.
Co programa téntase dotar á mocidade de coñecementos máis xerais, e non só das habilidades propias da súa titulación: perséguese que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e, á súa vez, o dominio de idiomas estranxeiros, neste caso o portugués e inglés.
Requisitos dos/as participantes nas mobilidades:
1. Deberán estar inscritos/as no ficheiro do
Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia
2. Deberán ter menos de 25 anos, ou menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. O requisito de idade debe cumprirse no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
3. Ademais dos requisitos anteriores, en coherencia coa citada Lei 18/2014 deberán cumprir os seguintes:
a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
b) Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
c) Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
No suposto de que a persoa interesada en inscribirse no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil tivese finalizada a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.
Estes requisitos, agás o de idade, deberán manterse no momento da selección das persoas que participarán nas mobilidades.
O prazo de inscrición remata o 31 de agosto de 2015. Data que podería prorrogase ata o 7 de setembro no caso de non cubrirse as prazas no primeiro prazo de solicitude.
Máis información e inscricións en:
onosofuturo@camarinas.net
CONCELLO DE ZAS - Axencia de desenvolvemento local
T. 981 708 303