Os meus favoritos, guía para difundir o uso de galego en internet
10-05-2011
Os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, a través dos seus servizos de normalización lingüística, acaban de editar a guía Os meus favoritos, un catálogo que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a información cultural, a mocidade, as redes sociais, os xogos, etc.
De Os meus favoritos editáronse entre os catro concellos 8.000 exemplares en papel, que serán distribuídos nos centros de ensino, edificios públicos, aulas de informática, asociacións, etc. Ademais, todas as persoas interesadas poden solicitalo no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos que impulsan a iniciativa. Ademais, a guía tamén se difundirá en formato dixital a través de webs e correo electrónico.
Os obxectivos desta iniciativa son facilitar o descubrimento e o coñecemento do ciberespazo en galego, vencellar a lingua galega con novos e modernos espazos de uso, concretamente na rede e nas novas tecnoloxías, e contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa lingua.
O 17 de maio é o Día... de Internet
Desde o ano 1963 celebramos e reivindicamos o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a nosa lingua e as nosas letras pero, a partir de 2006, ese mesmo día celebramos, ademais, o Día de Internet. Todo isto fai que o 17 de maio sexa unha xornada de celebración e reivindicación simultánea que se converte nunha moi boa ocasión para intensificar a relación imprescindible entre a lingua e a rede.
Do Facebook e o Tuenti en galego a xogos en liña
A guía Os meus favoritos recolle enderezos de sitios web en galego de todo tipo, desde páxinas para comprar orixinais camisolas, até sitios para escoitar a música galega emerxente, para consultar información cultural ou deportiva ou para xogar en rede ao Trivial ou ao Catapalabras. Tamén recolle información sobre como configurar en galego os sistemas operativos, paquetes ofimáticos ou navegadores máis populares ou como usar en galego o Facebook ou o Tuenti.
O galego precisa de internet e internet precisa do galego!!