Gargallada Teatro representa mañá no Auditorio de Baio a comedia “Un desastre de función”
13-05-2022
Mañá sábado, 14 de maio, temos unha nova cita coa V Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada polo Concello de Zas. Nesta ocasión, os encargados de subirse ao escenario son os membros da compañía Gargallada Teatro - de O Barco de Valdeorras - para representarnos “Un desastre de función”. Esta é unha comedia dirixida a todos os públicos de 70 minutos de duración e que se representará ás 21:30 horas no Auditorio de Baio.
A compañía disponse a subir a escena unha ambiciosa obra de misterio, cun asasinato incluído, baseada nun clásico da novela negra inglesa. Están certos de que nin as dificultades técnicas, nin os atrancos para completar o elenco, nin o escaso dominio do inglés, nin o riscos de traballar con animais vivos en directo, serán un impedimento para acadar o éxito. Pero pronto veñen os desastres e o elenco comeza a desesperarse baixo a presión dos acontecementos. Ao final da obra demostrarán se son capaces ou non de recompoñer a situación.
Gargallada Teatro obtivo na I Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Zas (2015) o premio á mellor obra (Fuga) e o mellor actor (Lalo Santos).
Última actuación
O sábado 21 de maio chegan ao seu fin as representacións da V Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. E faino cun cambio xa que a compañía seleccionada, Fauna 113, non pode facer a representación polo que se pasa a facer a función a seguinte obra seleccionada polo xurado e que quedou en reserva. Desta forma, a Agrupación Teatral Mariñán traeranos a súa obra “Crime Desorganizado” ás 21:30 horas ao Auditorio de Zas.