400 deportistas participan no Campionato Galego de Tenis de Mesa que se disputa esta fin de semana no pavillón municipal de Zas
04-05-2022
O pavillón municipal de Zas será esta fin de semana o punto de referencia para os 400 xogadores e xogadoras que participan no Campionato Galego de Tenis de Mesa, organizado polo equipo local AD Tenis de Mesa coa colaboración do Concello de Zas. Esta mañá tivo lugar a presentación deste evento deportivo nun acto celebrado no Salón de Plenos e no que participaron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o Presidente da Federación Galega Tenis de Mesa, José Luis Cabaleiro; e os membros da AD ZAS Tenis de Mesa, Esteban Lema e Miguel Rey.
O sábado, entre as 09:30 e as 20:00 horas, xogarán as categorías Infantil e Pre-Benxamín, mentras que o domingo no mesmo horario será a quenda das categorías Alevín, Sub 23 e Discapacitados. “É un campionato no que se baten marcas de participación xa que cada un dos días contaremos cuns 200 deportistas” que chegan dende diversos puntos de toda a comunidade, tal e como indicou o Presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, José Luis Cabaleiros. Tamén destacou o incremento de 4 - que eran os habituais - a 16 participantes na categoría de xogadores e xogadoras con discapacidade que se conseguiu, en parte, grazas ás diferentes concentracións organizadas polo ente Galego en colaboración co seleccionador galego de tenis de mesa; o veciño de Zas Miguel Rey. Cabeleiro rematou a súa intervención agradecendo a dispoisición do Concello de Zas e de Esteban Lema por organizar “esta festa do deporte galego”.
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño; deulle as grazas por “escoller o Concello de Zas” para a organización deste evento e tamén aproveitou a ocasión para rendirlle unha pequena homenaxe a Esteban Lema que o definiu como “unha das figuras máis importantes do deporte escolar e como un dos pioneiros do tenis de mesa no noso municipio e en toda a comarca”. Pola súa banda, Esteban Lema; representante do AD Tenis de Mesa de Zas agradeceu o apoio do Concello de Zas e prometeu que continuará coa súa teima de “fomentar o deporte”.