FEGADACE e o Concello de Zas colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla

31-03-2022

 

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Zas pola man da colaboración entre o concello coruñés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

 

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Zas: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, que se ocupa de toda a área sanitaria da Coruña e Cee.

 

Esta charla vai ter lugar o xoves 21 de abril ás 16:30 hh. no Centro Sociocultural de Baio, en Zas. O acceso é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 652 770 653.

 

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Zas e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

 

Compartir: