Dez persoas usuarias do SAF do Concello de Zas participan nun programa pioneiro de estimulación no domicilio

03-03-2022

 

O pasado mes de novembro, o Concello de Zas a través da súa Concellería de Servizos Sociais puxo en marcha un programa pioneiro na zona dirixido ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar - SAF - do noso municipio e que ten como obxectivo promover a vida activa das persoas que precisan de apoios domiciliarios co fin de obter melloras cognitivas, anímicas e funcionais.

No Programa de Estimulación no Domicilio participan neste momento dez persoas e está previsto que proximamente se incorporen máis. Un dos seus últimos traballos foi a realización de máscaras a partir de refugallos e de doces típicos de entroido que se publicaron estes días nas redes sociais do Concello de Zas. O resultado da experiencia foi emocionante e positivo tanto para as persoas participantes como para o persoal auxiliar do servizo que, nos vindeiros días, recibirán un Certificado de Recoñecemento en nome do Concello de Zas e da empresa xestora, Atendo. Precisamente é o persoal auxiliar quen presta os apoios necesarios para que as pesoas que participan no programa poidan realizar as actividades propostas.

Ao longo destes meses realizáronse diversos traballos manuais, relacionados coas temáticas do Nadal, do día da Paz e San Valentín ademáis das actividades propias de estimulación cognitiva adaptadas ao momento do ano.

O equipo técnico que leva o programa da empresa Atendo está formado pola Educadora Social, Rocío Vázquez e a Coordinadoras do SAF, Patricia Amigo e Rocío Amigo; xunto coas profesionais do departamento de Servizos Sociais do Concello de Zas,  Mª Angélica Pose, traballadora social; e Yolanda Vecino, educadora familiar. 

 

Compartir: