O Concello de Zas inicia os trámites para incluír a Carballeira de Baio no catálogo de Formacións Senlleiras

14-02-2022

 

O Concello de Zas rematará nos vindeiros días o informe que se lle enviará á Xunta de Galicia para incluír a Carballeira de Baio dentro do catálogo de Formacións Senlleiras e dotar así a este espazo con esta figura de protección. A solicitude contén unha detallada relación das especies predominantes así como diverso material que acredita o valor cultural do lugar onde se celebra unha festa popular o último domingo do mes de xuño dende hai máis de corenta anos. Dende xuño de 2017 a Carballeira de Baio é titularidade pública despois de que o Concello de Zas mercase este terreo situado ao carón do paseo fluvial.

Unha “Formación Senlleira” é un espazo protexido cunhas medidas especiais de conservación e que polas súas características son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e cun alto valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes espazos singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos tempos ou que contan cunhas particularidades especiais. Actualmente na nosa comunidade hai 40 espazos baixo a figura de “Formacións Senlleiras” e, no caso de que se lle conceda, a Carballeira de Baio sería o primeiro lugar da Costa da Morte en obter este recoñecemento.

En palabras do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, “este é un chanzo máis na conservación e preservación deste espazo para poder legarllo ás xeracións futuras e que poidan desfrutalo como como nós o desfrutamos na actualidade”. O goberno municipal de Zas continúa co seu traballo de cuidar, conservar e poñer en valor os espazos e rutas naturais cos que contamos no noso municipio. 

 

Compartir: