CMAT lanza un plan formativo gratuito en aloxamentos e hostalería
25-01-2022
Costa da Morte Asociación Turística organiza no mes de febreiro un programa financiado pola Deputación da Coruña para formar desempregados en cociña, restauración e aloxamentos que atenda as necesidades de persoal do sector.
A presidenta da CMAT destaca que a iniciativa “servirá para que as empresas turísticas do xeodestino melloren o seu posicionamento e as competencias dos seus profesionais”
Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) lanza un programa de formación gratuito denominado Mellora na xestión e promoción de servizos turísticos da Costa da Morte dirixido a traballadores censados nalgún dos 17 concellos do xeodestino en situación de desemprego ou afectados por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). A iniciativa, financiada pola Deputación da Coruña, desenvólvese de xeito presencial no Fórum de Carballo na última semana de xaneiro e no mes de febreiro de 2022. “Este plan formativo diseñouse e pónse en marcha para axudar ao noso xeodestino turístico e ás súas empresas a mellorar tanto o seu posicionamento como as competencias dos seus profesionais”, destaca Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT e alcaldesa do Concello de Vimianzo, quen lembra que “a formación dos traballadores no sector turístico é fundamental para ofrecer un turismo de calidade, de excelencia”.
O programa formativo organizado pola CMAT, que comeza agora nunha primeira fase de 105 horas e que terá continuidade ao longo do ano, inclúe tres cursos: Axudante de cociña, Servizo de bar e restaurante e Técnicas de procedementos de limpeza en aloxamentos turísticos. Os interesados en inscribirse _haberá vinte prazas por especialidade_ deberán estar empadroados nalgún dos 17 concellos da Costa da Morte (Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas).
A presidenta da CMAT explica que a asociación que preside, tras contactar e coñecer as necesidades do ecosistema turístico, “tomou nota e púsoxe a traballar no deseño, organización e lanzamento deste plan formativo que agora inicia o seu percorrido”. “Tivemos constancia de que faltaba persoal cualificado como axudantes de cociña ou no servizo de hostelería e de aloxamentos turísticos”, indica Mónica Rodríguez, quen sinala que “así cubrimos o oco que faltaba na formación dos nosos futuros traballadores ao tempo que incentivamos a contratación de persoal da Costa da Morte”.
PROGRAMA FORMATIVO CMAT. Xaneiro/febreiro do 2022. Lugar: Fórum de Carballo.
- Servizo en restaurantes e bares. 35 horas. Días 1, 2, 3, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de febreiro. De 17:00 a 20:30 horas.
- Axudante de cociña. 40 horas. Días 2, 3, 4, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de febreiro de 16:30 a 20:30 horas.
- Técnicas e procedementos de limpeza en aloxamentos. 30 horas. Días 10, 11, 14, 15, 16, 17, 18 e 21 de febreiro de 17:00 a 20:45.
Inscríbete no formulario.