Zas retoma o Trail da Filloa que chega á súa V edición o próximo 20 de febreiro
21-01-2022
O Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo xa teñen todo preparado para o V Trail da Filloa que se disputará o vindeiro 20 de febreiro polos montes do noso concello. E despois dun ano de parón debido á COVID 19 nótase que hai ganas de trail e de filloas, xa que dúas das probas - o trail curto e o longo - teñen as prazas esgotadas. Así o indicaron esta mañá durante a presentación do cartel deste evento non competitivo que tivo lugar na Casa do Concello de Zas e ao que asistiron o Alcalde, Manuel Muíño; David Fernández, da Asociación Deportiva Monte Brondo; e Juan M. García; o protagonista do cartel desta quinta edición quen descatou que “a diversión está asegurada”.
Ao igual que nas últimas edicións, os organizadores poñen a disposición dos participantes avituallamentos ao longo dos diferentes percorridos, aparcamentos e gardarroupas. O percorrido estará sinalizado con material totalmente biodegradable e co fin de reducir o impacto ambiental os participantes deberán levar o seu propio sistema de hidratación.
Novidades
As grandes novidades do V Trail da Filloa son un Gran Trail de 43 km e unha andaina de 25 km que segundo sinalou David Fernández “foron un gran reto para nós e este ano por primeira vez conseguimos sacalos adiante”. Para iso contan coa colaboración de ducias de voluntarios que “se pasan a fin de semana limpando e desbrozando camiños”, destacou o Alcalde de Zas quen lle agradeceu enormemente o seu traballo.
A lama e a zona de cordas son puntos polos que pasarán os participantes en calquera destas probas, ao igual que a subida ao Monte Bronde e ao Pico de Meda, dous dos lugares máis altos do noso concello e dende os cales se pode gozar dunhas vistas espectaculares.
O V Trail da Filloa está composto por cinco probas non competitivas que terán o punto de saída a praza do Concello de Zas, mentras que o punto de chegada será o pavillón de Zas onde se servirán as típicas filloas á pedra de Zas acompañadas de caldo e chourizos.
Estas son as diferentes probas:
- Gran Trail 43 km
- Trail Longo 27 km (prazas esgotadas)
- Traill Curto 17 Km (prazas esgotadas)
- Andaina 12 Km
- Andaina 25 km
As inscricións están abertas ata o 15 de febreiro a través da páxina de Galitiming - https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/v-trail-da-filloa-zas/?lang=es - e as persoas que se inscriban antes das 23:59 horas do 31 de xaneiro terán un desconto especial. Cumpriranse en todo o momento as recomendacións establecidas para eventos no contexto da nova normalidade provocada pola Covid19.
Beca para estudios
Ao igual que na cuarta edición, este ano volverase a crear a “Beca para estudios” para a cal se destinará o gasto que os organizadores investían en regalos como bolsas e camisetas para os participantes. O estudante seleccionarase de forma confidencial en base aos informes do departamento de Servizos Sociais municipal e un dos requisitos é estar empadroado/a no Concello de Zas.