O Concello de Zas pon en marcha un estudo para a medición do gas radon en catro edificios municipais e nos catro centros de ensino
21-01-2022
Esta mañá completouse a instalación de medidores de trazas de gas radon en aire en oito edificios públicos do noso municipio. Esta é a primeira fase dun programa que vén de poñer en marcha o Concello de Zas en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, e que se realizará nos seguintes inmobles:
- Casa do Concello
- Centro de Información á Muller
- Centro Sociocultural de Zas
- Centro Sociocultural de Baio
- Escola Infantil de Zas
- CPI de Zas
- CEIP Labarta Pose
- IES Maximino Romero de Lema
Instaláronse dous tipos de detectores. Uns medirán as trazas de gas radon en aire interior durante tres meses e estes combinaranse con outros medidores en continuo que farán diferentes medidas nun periodo de cando menos tres días. O estudo, que ten un custe de 6.445,35€, é pioneiro na comarca.
O obxectivo deste programa é coñocer os niveis de concentración de radon nestes edificios públicos e en función dos resultados adoptar as medidas necesarias para garantir unhas condicións sanitarias seguras. “Ademais de facer as medicións nos edificios municipais decidimos estender o estudo aos centros de ensino do noso municipio co fin de coñecer a concentración de gas radon nestes inmobles e velar así pola saúde dos nosos nenos e nenas”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.
A OMS - Organización Mundial para a Saúde - clasifica o radon dentro do grupo 1, o que significa que está demostrado que é canceríxeno para os humanos. Cando o radon pasa ao aire pódese inahalar ao respirar e unha vez dentro do corpo pode fixarse aos tecidos do pulmón e danar as células, o cal supón un risco para a formación dun cancro de pulmón. Debido ao noso tipo de chan, rico en uranio, o radon está presente en toda Galicia.