Presentado o equipamento do Club Deportivo Concello de Zas para a tempada 2021-2022
12-01-2022
O Salón de Plenos do Concello de Zas acolleu onte á tarde a presentación do equipamento que os xogadores do Club Deportivo Concello de Zas vestirán durante esta tempada 2021-2022. No acto estiveron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o Concelleiro de Deportes, José Brenlla; e os representantes das empresas patrocinadoras que son: Autos Facal, Ansega Electricidade, Limpiezas Ruris, Asesoría Espasandín, Pizzería Tívoli e Cafetería Europa92.
Durante a presentación, o Alcalde de Zas destacou que cada vez son máis as empresas locais as que se implican co fútbol base e aproveitou a ocasión para agradecerlle este xesto. Nesta mesma liña, Muíño recordou que o Concello de Zas destina todos os anos unha partida dos seus orzamentos ao apoio das diferentes actividades deportivas que se promoven dende o noso municipio. Entre elas están as axudas directas que recibe o Club Deportivo Concello de Zas coas que se pretende facilitar o desenvolvemento desta actividade deportiva e fomentar o deporte entre os máis pequenos.
O Club Deportivo Concello de Zas naceu no ano 2016 e actualmente conta con tres equipos en competición nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín cun total de 49 licencias federativas. Emilio Corzón é o coordinador deportivo do club.