Xa está aquí a programación deste Nadal

05-12-2021

 

O Nadal xa case está aquí e no Concello de Zas temos preparadas unha gran variedade de actividades para desfrutar destas festas coa mesma ilusión de sempre aínda que adaptadas ás normativas que se podan aprobar como consecuencia da evolución da Covid19. 

A programación arranca o 11 de decembro ás 20:00 horas coa obra de teatro  “Conexión pingüín” no Auditorio de Zas. Os actores Luis Iglesia e Marcos Orsi - de Culturactiva Producións - farannos reflexionar con esta comedia dirixida ao público adulto sobre a incomunicación na era da comunicación. 

Ao sábado seguinte, o 18 de decembro, ás 20:00 horas Talía Teatro traénos ao Auditorio de Baio a súa obra de teatro recentemente estreada “A parábola do angazo”. Artur Trillo e Toño Casais farán a través da comedia un repaso pola historia da nosa lingua. Tamén está dirixida ao público adulto.

Pero os verdadeiros protagonistas do Nadal son os nosos nenos e nenas así que na programación, artellada polo departamento de Cultura do Concello de Zas, non podían faltar os espectáculos para os máis novos da casa. Tomade nota:

  • O 19 de decembro ás 18:00 horas temos no Auditorio de Baio a obra de teatro familiar “Mestre ma non troppo” a cargo da compañía Bandullo Azul.  
  • “Non máis guerras” é o título do contacontos que nos traerán os ratiños de Trinke Trinke Teatro o martes 14 de decembro, ás 18:00 horas, á Biblioteca Municipal de Zas.
  • Os ratiños de Trinke Trinke Teatro volven o 21 de decembro á Axencia de Lectura de Baio co seu contacontos “Non máis guerras” que será ás 18:00 horas

As nosas bibliotecas non serán os únicos escenarios das funcións infantís que temos preparadas para este Nadal, se non que algunhas delas trasladarémolas aos centros educativos do noso municipio. A primeira destas funcións escolares é o 13 de decembro co espectáculo “Teatro dos vieiros” que lles representarán no Auditorio de Zas Xoán Curiel e Charo Pita ao alumando do CPI de Zas. Uns días máis tarde, o 20 de decembro, levamos o espectáculo “Ghop!” Tamén ao CPI de Zas. E por último, o día 21 de decembro, os alumnos e alumnas do CEIP Labarta Pose asistirán á reperesentación de “Desconcerto” que nos traerán os membros de Culturactiva Producións. 

Ademáis de teatro, obradoiros e contacontos a música non pode faltar dentro da programación de Nadal. Así que o domingo 12 de decembro o alumnado da Escola de Música Moderna do Concello de Zas ofrécenos un Festival de Nadal a partir das 17:00 horas no Centro Sociocultural de Zas. 

Obradoiros

Unha das novidades deste ano é o obradoiro de modelaxe de Nadal dirixido ao público adulto que se realizará o 11 e o 18 de decembro no Centro Sociocultural de Zas en horario de 16:00 a 19:00 horas. 

E co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral organizamos os obradoiros infantís de Nadal no que poden participar nenos e nenas maiores de 4 anos e que se realizarán os días 27, 28, 29 e 30 de decembro. Haberá dúas quendas; unha de 10:00 a 13:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e outra de 16:00 a 19:00 horas no Centro Sociocultural de Baio. 

A programación deste Nadal péchase coa tradicional Cabalgata de Reis que, un ano máis, percorrerá o noso municipio durante os días 4 e 5 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar - acompañados do seu séquito de paxes - levarán a maxia e a ilusión aos case cen núcleos de poboación do noso concello e repartirán uns pequenos agasallos entre todos os veciños e veciñas - independentemente da súa idade - que se acheguen a visitalos. 

Reservas e inscricións

Para asistir é obrigatorio o uso de máscara e é importante lembrar que en todas as actividades o número de prazas ou o aforo é limitado polo que é necesario reservar praza con antelación a través de calquera destes dous números de teléfono:

  • 981 751 398  (Centro Sociocultural de Zas)
  • 981 718 056 (Centro Sociocultural de Baio)

 

Compartir: