O Concello de Zas abre o prazo de solicitude das becas de estudo para as que se destinan 29.100 euros
11-11-2021
Dende hoxe e ata o vindeiro 30 de novembro (ambos días incluídos) está aberto o prazo de solicitude das Bolsas de Estudo para o curso 2021-2022 para as que o Concello de Zas destina un total de 29.100 euros. Esta é unha iniciativa posta en marcha polo equipo de Goberno Municipal hai máis de dez anos e que ten como finalidade a integración socio-laboral das familias con menos recursos económicos do noso municipio.
Para acceder ás axudas son requisitos indispensables estar empadroado/a no Concello de Zas e escolizado/a en calquera dos seguintes cursos:
- Ensinanza primaria
- ESO, FP Básica, Bacharelato e ciclos formativos (medios e superiores)
- Estudos universitarios (agás másters e estudos de posgrao)
As bolsas adxudicaranse en función dunha serie de baremos; tales como a situación económica-familiar, o número de membros que integran a unidade familiar e os méritos académicos do alumno/a. O crédito repartirase en 180 bolsas e o importe das mesmas pode ir dende os 120€ ata os 360€ en función dos estudos que se realicen.
Presentación das solicitudes
As solicitudes poderán realizarse ata o vindeiro 30 de novembro e tramitaranse preferiblemente a través da Sede Electrónica do Concello de Zas (https://sede.concellodezas.org). No caso de non poder facelo por esta vía é necesario acudir ao Concello de Zas pedindo cita previa no número de teléfono 981 70 83 03.
Ao final desta nova poden descargarse as bases así como os anexos de solicitude.