Este sábado arranca unha nova edición do programa “Contra as Violencias, Educación”
08-11-2021
Baixo o lema “Contra as violencias machistas, educación” o Concello de Zas vén de poñer en marcha un novo programa de actividades para todos os públicos no que o teatro será un dos fíos condutores.
Con esta programación, o Concello de Zas - a través da Concellería de Igualdade - pretende fomentar a sensibilización contra as violencias machistas entre os diferentes grupos de idade. Para iso programáronse unha serie de obras de teatro tanto infantís como para adultos e que detallamos a continuación:
- “Mulleres que viven soas”, con Paula Carballeira. Sábado 13 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Concello
- “Bravas”, de Isabel Risco. Sábado 20 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Baio
- “Rosa caramelo”, de Talía Teatro. Dobre función de contactos infantil que será o 23 de novembro ás 12:00 horas no CPI de Zas e o 24 de novembro ás 12:30 horas no CEIP Labarta Pose
- “Soñando inventei”, con María Faltri & Jorge Juncal. Este é un musical infantil que se representarás o 26 de novembro ás 10:00 horas no Auditorio de Zas para a comunidade do CPI da vila e ás 12:30 horas no Auditorio de Baio para o alumnado do CEIP Labarta Pose
- “A compañeira de piso”, de Contraproducións. Venres 26 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio de Baio
Todas as funcións son de balde e, excepto nas funcións escolares, para asistir é necesario reservar praza no Centro Sociocultural de Zas (981 751 398) ou no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056).
Xogo educativo de Os Bolechas “ Zas en Igualdade”
Os próximos días, o Concello de Zas repartirá nos centros educativos do municipio e nas bibliotecas municipiais o xogo educativo dos Bolechas “Zas en Igualdade”. Consiste nun taboleiro no que, a modo de Trivial, as persoas participantes poñeranse a proba sobre a igualdade de xénero e sobre o Concello de Zas.
A maior parte das preguntas, que son de cor lila, están relacionadas coa igualdade (mulleres destacadas, feminismo, acoso, datas conmemorativas,…) e o resto das cores son temas relacionados co Concello de Zas (historia, patrimonio, natureza,…). Hai varios graos de dificultade.
Esta é unha actividade organizada polo Centro de Información á Muller - CIM - do Concello de Zas e que forma parte do Programa de Sensibilización, Información e Difusión sobre Igualdade e Prevención da Violencia contra as Mulleres impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Para a súa elaboración tamén contamos coa colaboración do Pacto do Estado Contra a Violencia de Xénero.