A Escola Infantil de Zas ofrecerá 38 prazas unha vez rematadas as obras de ampliación
29-10-2021
A Escola Infantil de Zas, que pertence á rede pública A Galiña Azul, ofrecerá 38 prazas para nenos e nenas cero a tres anos unha vez que rematen as obras de ampliación previstas. As xestións entre o Concello de Zas e Consellería de Polítca Social da Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, comezaron meses atrás e previsiblemente a vindeira semana rematarase a redacción do proxecto de ampliación para que, unha vez aprobado polo Consorcio, se inicie o proceso de licitación das obras.
Os traballos de ampliación da escola infantil realizaranse no primeiro andar do edificio actual co fin de que o proceso de execución das obras non interrompa o día a día do centro. Entre as melloras a realizar destacan a colocación dun ascensor, a creación dunha cociña totalmente equipada e construcción dunhas salas máis amplas. Con esta ampliación a escola infantil de Zas sobe de categoría en canto ao número de usuarios e o número de prazas ofertadas distribuiranse da seguinte maneira:
- De 0 a 1 anos: 7 prazas
- De 1 a 2 anos: 12 prazas
- De 2 a 3 anos: 19 prazas
Segundo explica o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, “estas obras de ampliación traduciranse, por unha parte, nun notable incremento do número de prazas ofertadas xa que pasamos de 28 a 38 e, por outra, nunha mellora na prestación do servizo”. O Concello de Zas financiará con fondos propios a inversión prevista para estas obras.