Artesáns de toda a comarca participan na Romaría Tradicional de San Ramón que se celebra mañá nas Torres do Allo

30-08-2021

 

Mañá é o día grande da parroquia de O Allo coa celebración de San Ramón, e dende hai catro anos o Concello de Zas recuperou a romaría que conta con máis de 400 anos de historia. Estas son todas a novidades do cartel deste ano. Toma nota! 

Os postos de artesanía chegados dende toda a comarca e dende o propio municipio serán uns dos protagonistas e estarán ubicados nos exteriores do pazo das Torres do Allo. Artesanía en madeira, bisutería, palla, tellas, debuxos feitos con lápiz e café, mel, instrumentos musicais, liño, encaixe, cesteiría,… son algúns dos traballos que se poderán mercar nos postos que abrirán de entre as dez da mañá e as tres da tarde. Ao longo da mañá tamén se realizarán pequenos obradoiros de fiado do liño, encaixe, cesteiría e barro para toda aquela persoa que se achegue ata aquí e desexe afondar nalgún destes oficios tradicionais. A participación é de balde. 

E como en toda romaría non podía faltar a música. Así que a iso das 13:30 horas o grupo Arredores ofreceranos un concerto en acústico no antigo palco situado fronte as Torres do Allo. 

A novidade deste ano son as merendas de campo, unha tradición que o Concello de Zas quere recuperar e para o que habilitará unha zona coas debidas medidas de seguridade marcadas pola Covid19. Tal e como o recorda a xente do lugar, á romaría de San Ramón acudía xente de toda a contorna e, ao igual que noutras festas da zona, traian a merenda a base de carne, tortillas, empanadas, chulas e rosquillas que mercaban nos postos que acudían á romaría. 

Esta unha actividade organizada polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. 

 

Novas relacionadas

Compartir: