Recollidos máis 11.000 quilos de cartón comercial durante o primeiro semestre do ano

15-07-2021

Durante os primeiros seis meses do 2021 recolléronse un total de 11.010 quilos de cartón comercial que se destinaron ás plantas de reciclaxe para alongar así a súa vida útil. Os datos demostran un lixeiro incremento con respecto ao ano pasado, xa que ao longo de todo o 2020 recolléronse 19.210 quilos de cartón nas portas dos establecementos comerciais do noso municipio.

O Concello de Zas ofrece dende hai anos este servizo de recollida de cartón comercial porta a porta de forma gratuíta a todos os comercios do noso municipio e son moitos os que participan nesta campaña poñendo de manifesto o seu compromiso coa reciclaxe.

Ademáis de todas as vantaxas ambientais deste servizo, evítase que o cartón comercial se deposite nos colectores propios para o cartón e o papel que son de uso prioritario para a veciñanza.

A recollida selectiva de cartón comercial realízase todos os mércores do ano pola tarde. Os establecementos que non estean adheridos e que lles interese facelo tan só teñen que chamar ao Concello de Zas (981 70 83 03) para indicar a dirección do establecemento comercial e todos os mércores pola tarde deixar os cartóns apilados na porta do comercio dobrados e pregados ao máximo para que ocupen o mínimo espazo e para facilitar a súa recollida que se fai de forma manual.

Colectores de papel
O compromiso da veciñanza coa reciclaxe tamén se visibiliza nos colectores para o papel e o cartón nos que se recolleron ao longo do que vai de ano 12.915 quilogramos deste material.

“Estes datos reflicten a necesidade de reforzar a reciclaxe co incremento do número de colectores de recollida selectiva en todo o municipio e de seguir sensibilizando á veciñanza sobre a importancia da separación de residuos no fogar“ sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín.

Compartir: