Música, deporte, humor, teatro, astronomía,… así de cargado vén o noso “Verán Cultural”

19-06-2021

 

Colle papel e lápis porque o noso “Verán Cultural” está cargado de actividades! O Concello de Zas vén de presentar o programa “Verán Cultural” que se desenvolverá durante xullo e agosto e que está organizado polas Concellarías de Cultura e Deportes. Nestes meses realizaranse máis de trinta actividades culturais, deportivas e didácticas en diferentes localizacións do noso municipio. Así que, toma nota:

Para a rapazada: 

  • Campamentos de verán: As Torres do Allo acollerán os campamentos de verán dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Haberá catro quendas e serán sempre en horario de mañá: do 1 ao 14 de xullo, do 15 ao 30 de xullo, do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 27 de agosto
  • Obradoiro especial “O caderno de campo de Víctor López Seoane”: O 14 de xullo, de 16:30 a 18:00 horas, realizaremos tamén nas Torres do Allo esta actividade destinada á rapazada de entre 5 e 12 anos
  • DeporCampus: Do 19 ao 23 de xullo terán lugar no Campo Municipal Platas Reinoso de Baio estas xornadas de entrenamento e diversión impartidas por adestradores do RC Deportivo. Están dirixidas a nenos e nenas de 6 a 14 anos e realizaranse de 10:00 a 14:00 horas
  • Escolas de Río: Membros da Federación Galega de Pesca impartirán estas escolas do 26 ao 30 de xullo no Coto de Baio. Esta é unha actividade dirixida á rapazada e mocidade de entre 8 e 18 anos que non teña licenza de pesca
  • Campamento en Naturmaz: Este campamento está destinado a nenos e nenas de 8 a 14 anos e realizarase os días 23, 24 e 25 de agosto
  • Coñecendo Zas: Todos os mércores de xullo e agosto (de 10:00 a 13:30 horas) realizaremos unha saída a distintos puntos do noso municipio co fin de que a rapazada de entre 8 e 16 anos coñezan o noso concello
  • Técnicas de Estudo: a mocidade de 10 a 14 anos poderá aprender diversas técnicas de estudo nuns talleres que se realizarán todos os venres de xullo e agosto no Centro Sociocultural de Baio. O horario é de 10:00 a 12:00 horas

 

Para todos os públicos

  • Apertura das piscinas municipais de Zas e de Baio durante os meses de xullo e agosto
  • Cursos de natación infantís e para adultos
  • Festival de Música: A Escola de Música Moderna celebra o 4 de xullo o seu festival anual que terá lugar ás 17:00 horas na Praza do Concello
  • Animación de rúa: O 10 de xullo as rúas de Baio estarán animadas co espectáculo “O estrano caso do dentista da rúa Brasov”. A partir das 20:00 horas
  • Humor: O 11 de xullo ás 20:30 horas, Avelino González presenta nas Torres do Allo “Contos que foron chistes” 
  • Circo Acrobático: A Praza do Concello acolle o 17 de xullo o espéctaculo de circo acrobático “Máis alto aínda”, de Desastronauts
  • Música nas Torres: Nastasia Zürcher ofrece un concerto o venres 30 xullo ás 19:00 horas nas Torres do Allo
  • Orballo Cultural: A Carballeira de Baio será o escenario dos concertos que se celebrarán o 31 de xullo (a partir das 18:00 horas) e o 1 de agosto (12:00 horas)
  • Concerto: O 7 de agosto, ás 21:00 horas, actúan na Praza do Concello o grupo de música Pan Sen Fron
  • Música na Ponte de Brandomil: Fransy, Davide e Cibrán ofrecen o 14 de agosto ás 21:00 horas un concerto na Ponte de Brandomil
  • Teatro na Carballeira de Baio: “Hábeas Corpus” é o nome da obra de teatro que nos trae o domingo 22 de agosto ás 20:30 horas a compañía Malasombra Teatro á Carballeira de Baio
  • Humor na Fonte de Fornelos: O 28 de agosto Pepo Suevos levará o seu “Humor Salvaxe” ata a Fonte de Fornelos. Ás 21:00 horas
  • Mercado de San Ramón: Coincidindo coa festividade de San Ramón, o 31 de agosto, as Torres do Allo acollen durante a mañá o tradicional mercado de San Ramón no que participarán varios postos de artesanía da zona
  • Ao Aire Libre: Baixo este lema organizamos tres rutas que realizaremos os días 17 e 31 de xullo e 8 de agosto. As saídas serán sempre ás 10:00 horas. O primeiro día percorreremos a Ruta Fluvial de Baio; o segundo día faremos a Ruta da Auga e o terceiro realizaremos unha ruta por Brandomil
  • Observación astonómica no dolmen da Arca da Piosa: o 6 de agosto desprazamonos ata o dolmen da Arca da Piosa para realizar unha observación astronómica guiada por Jorge Mira. A saída será ás 22:00 horas de Roma
  • Visitas teatralizadas nas Torres do Allo: Todos os domingos de xullo e agosto e os dous primeiros do mes de setembro, ás 19:30 horas, Os Quinquilláns recrearán dun xeito moi divertido como era a vida na Torres do Allo hai cincocentos anos

 

Para os nosos maiores

  • Axuda tecnolóxica: todos os venres de xullo e agosto de 12:00 a 14:00 horas realizaremos no Centro Sociocultural de Baio talleres de axuda tecnolóxica 
  • Exercitando a memoria: O Centro Sociocultural de Baio e o de Zas acollerán todos os luns e martes, respectivamente, dos meses de xullo e agosto varias actividades dirixidas a exercitar a memoria. Nos dous casos o horario é de 10:00 a 11:30 horas 

Inscricións

O vindeiro martes, 22 de xuño, ábrese o prazo de inscrición para estas actividades. Será necesario cumprimentar a folla de inscrición  - que se pode descargar ao final desta nova - e, unha vez confirmada a praza, deberá realizarse o pago da actividade. As solicitudes atenderanse por rigosa orde de chegada tendo preferencia as/os empadroadas/os.

Para ampliar a información sobre calquera das actividades e/ou para presentar a túa folla de inscrición podes poñerte en contacto con calquera dos nosos Centro Socioculturais que te atenderán de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas:

  • Centro Sociocultural de Zas: 981 751 398
  • Centro Sociocultural de Baio: 981 718 056

 

Programación especial nas Torres do Allo

Ademáis do programa “Verán Cultural”, o Concello de Zas organiza un programa de actividades paralelo que se desenvolverá ao longo deste verán nas Torres do Allo. 

Podes consultalo aquí.

 

Descargas

Compartir: