Aberto o prazo de solicitude para as cachelas de San Xoán que deberán realizarse en espazos privados

10-06-2021

O Concello de Zas vén de abrir o prazo de solicitude para as cachelas de San Xoán que deberán realizarse unicamente en espazos privados e cumprindo sempre a normativa de seguridade e prevención da Covid19 vixente. 

O modelo de solicitude pódese descargar na Sede Electrónica do Concello de Zas - a través da seguinte ligazón https://sede.concellodezas.org/opencms/export/sites/zas/recursos/downloads/Licenza-Cachelas-2021.pdf - e deberá presentarse na Casa do Concello xunto co DNI da persoa responsables e a identificación da parcela na que se realizará a cachela mediante un plano de situación ou a referencia catastral da mesma. As solicitudes deben presentarse antes do día 21 de xuño.

Unicamente se autorizarán aquelas fogueiras que se realicen en espazos privados e a persoa solicitante comprométese a cumprir todas as medidas de seguridade e prevención da Covid19 vixentes na data de celebración da cachela, especialmente no relativo ao número de persoas non convivintes que se poden reunir.

Co fin de evitar accidentes e outros riscos será necesario que haxa sempre xente vixiando a cachela e ademáis deberá de haber auga suficiente a man para apagar o lume en caso de que fose necesario. Unha vez rematada a celebración, deberán apagarse os restos de brasas ata a súa extinción total. Non se aproveitará a cachela para queimar restos domésticos (colchóns, mobles, táboas, roupa,…) nin agrícolas ou forestais. Ademais destas, a continuación detállanse as normas básicas de seguridade para as cachelas de San Xoán:

  • A cachela non poderá realizarse en zonas de dominio público
  • Queda terminantemente prohibido facer fogueiras en espazos públicos; tales como prazas, parques, rúas ou beirarrúas ou noutros que non se autoricen
  • A solicitude deberá acompañarse dun plano de situación do espazo privado ou a referencia catastral onde se realice a cachela, así como a situación de todos os elementos que se coloquen no espazo autorizado
  • Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos bombeiros (080) e de Emerxencias (112)
  • Nas zonas urbanas o volume do combustible non sobrepasará os 3 metros de perímetro nin 1 metro de altura
  • Nas zonas rurais o volume do combustible da cachela non sobrepasará os 5 metros de perímetro/diámetro nin 3 metros de altura
  • A separación entre as cachelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano
  • As cachelas nunca deberá colocarse baixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos corredores non exita ningún local no que se almacenen produtos inflamables
  • Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico
  • En ningún caso se botarán no lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) ainda que estean baleiros
  • Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas que non estean expresamente autorizadas
  • A hora límite para rematar a celebración é ás 03:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para a celebración de festas e romarías populares
  • Ao finalizar a cachela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas
  • Será obrigatoria a limpeza do espazo ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cachela e/ou sardiñada
  • O desenvolvemento da celebración das cachelas e sardiñadas deberá axustarse ao permiso concedido 

Ademáis destas, a FEGAMP informa de que no eido privado¡ non deberán xuntarse máis de 15 persoas no exterior e 6 en espazos pechados.

Compartir: