A Ruta da Auga convértese nun roteiro de sendeirismo homologado

08-05-2021

 

A Ruta da Auga de Zas figura entre a listaxe de sendeiros de pequeno percorrido galegos baixo a denominación PR-G 250. Tras varios meses de trámites, a Federación Galega de Montañismo vén de certificar o itinerario con esta figura que garante uns requisitos calidade e coa que se suma á rede de sendeiros homologados da comunidade.

Esta é unha ruta de 10 quilómetros de percorrido que discorre pola parroquia de Gándara e na que a auga é o fío conductor. Ademáis dunha gran cantidade de muíños, pontellas, cabazos, mámoas, castros e abellerizas tres fervenzas (Budían, Parga e Rabiñoso ) chaman a atención do visitante. A ruta discorre principalmente por camiños recuperados nos últimos anos polo Concello de Zas - tales como o “camiño dos cregos” - e por sendas de ribeira nos que se poden observar a riqueza da flora e fauna da zona.

Este é un percorrido circular de dificultade media que comeza e remata na ponte do Sisto. Os dez quilómetros da ruta están sinalizados con información facilitada pola veciñanza de Budián,  Parga e Vilar Ramilo que nos proporcionaron moitas das lendas e historias que gardan estes camiños. “A incorporación da Ruta da Auga como PR-G reforza aínda máis riqueza natural e o patrimonio da zona”, sinala Manuel Muíño - Alcalde de Zas - quen ademáis quixo agradecer o traballo e o esforzo dos técnicos municipais implicados na homologación da ruta así como da veciñanza e doutras persoas se sumaron para que esta iniciativa fose todo un éxito. 

Ligazóns

Compartir: