O Concello de Zas súmase ao Entroido en liña e organiza un concurso para participar dende a casa
04-02-2021
Aínda que a situación sanitaria actual nos obrigue a celebralo sen saír da casa, o Concello de Zas non quere perder de celebrar unha das festas máis populares e vén de poñer en marcha un concurso de disfraces para participar dende a casa e no que se empregarán as redes sociais oficiais do Concello para darlle visibilidade. Participar é moi sinxelo.
O concurso está aberto a toda a veciñanza e ten tres categorías diferentes: infantil (ata 12 anos), adultos (máis de 13 anos) e convivientes (dous ou máis membros da unidade familiar). As persoas participantes deberán enviar un máximo de 3 fotografías por disfraz ou ben un vídeo de 30 segundos como máximo de duración ao enderezo electrónico cultura.deportes@concellodezas.org ou por Whatsapp ao número de teléfono 663 776 504. Ademáis será necesario enviar o formulario de inscrición (que se pode descargar ao final desta nova) e no caso de que os participantes sexan menores de idade a solicitude deberá estar asinada por un adulto. O prazo de participación péchase o día 15 de febreiro ás 18:00 horas.
Todas as fotografías e vídeos participantes publicaranse nas redes sociais oficiais do Concello de Zas a partir do martes 16 de febreiro. O xurado, formando por membros do Concello de Zas, e por representantes de diferentes asociacións do noso municipio, será o encargado de outorgar os seguintes premios:
- Premio ao mellor disfraz infantil
- Premio ao mellor disfraz adulto
- Premio ao mellor disfraz de convivintes
- Premio ao mellor vídeo
Haberá tamén un premio ao “Zaschoqueiro” que máis gústame reciba na páxina de Facebook do Concello de Zas. As votacións poderán facerse dende o día que se publiquen as imaxes ata o 19 de febreiro ás 18:00 horas.
Os premios consisten nun lote de libros para cada unha das categorías xunto co libro “Zas polo miúdo”, editado recentemente polo Concello de Zas. O xurado terá en conta a orixinalidade e a singularidade dos disfraces así como os materais para a elaboración, a confección e a representación, interpretación, pose ou coreografías no caso dos vídeos.