Os Reis Magos percorrerán o noso municipio os días 4 e 5 de xaneiro
30-12-2020
Como non podía ser doutra forma, as SS.MM. Os Reis Magos acaban de confirmarnos a súa visita a Zas; ainda que debido ao protocolo sanitario marcado pola Covid19 a súa visita será especial e diferente á dos últimos anos.
Será unha cabalgata diferente ás que viñamos facendo nos últimos anos pero ainda así estará chea de maxia e ilusión. A principal novidade deste ano é que realizarán o percorrido polo noso concello en dous días, o 4 e o 5 de xaneiro. Desta forma, daralles tempo a visitar todos os núcleos de poboación para intentar ver o maior número posible de nenas e nenos e premiarlle así o seu esforzo durante este ano cun pequeno regaliño que lle entregarán en man.
A continuación detallamos o percorrido e os seus horarios:
Luns, 4 de xaneiro
A comitiva comezará a súa viaxe polas terras de Zas ás 10:00 horas. A saída será dende San Adrián para dende alí visitar A Devesa, Rial de Abaixo, Caberte, Maxín, A Atalaia, Rial de Arriba, Froxán, San Martiño, Vila, Langueirón, A Santa, Fontespiño, Pedra Padreiro, Marán, Campos, A Lagoa, Pudenza, Brandomil, Acalabanda, Padreiro, Quintáns, Limideiro, Curráis, A Gris, Borreiros, A Xestosa, Os Pedrouzos, As Abellas, O Couto, A Toxa, O Vilar, A Churía, Meanos (Campo da Fonte).
Xa pola tarde, a partir das 15:00 horas e tras un breve descanso, continuarán a súa visita por Roma, Rus, Meanos, Vilar de Lamas, As Edreiras, Berbia, Romelle, Arcar, Loroño, Baizana, Artón, Sandrexo, Vilar, Saconde, Pazos e Quintáns.
Martes, 5 de xaneiro
Ao día seguinte, o martes 5 de xaneiro, as SS.MM. Os Reis Magos estarán ás 10:00 horas en Vilar do Mato. Dende alí partirán para visitar os seguintes lugares ao longo de toda a mañá: A Costa, Follente, Rosende, Mira, Ventoselo, Gontalde, Teixidón, Pedramaior, Carreira, Vilaestévez, Gándara, Quintáns, Vilar Ramilo, Parga, Budián, O Sisto, Sobreira, O Vilar, San Cremenzo, Castro, As Pereiras, Bermello, Cotón do Muíño, Xerne, A Cebola, Muriño, Regalados e O Pombal.
E pola tarde, a partir das 15:00 horas, continuarán o seu percorrido pola Cacharoza, Baio Pequeno, Agreanas, Fornelos, Baio Grande, Lamas, Gomarís, Vilachán, Penedo, Andregalla e Zas.
Extremar a seguridade e as distancias
Co fin de garantir a seguridade, as carrozas irán acompañadas durante o seu percorrido de membros de Protección Civil e da Policía Local polo que, dende o Concello de Zas, rogamos atender ás súas recomendacións así como vixiar en todo o momento aos máis pequenos gardando as debidas distancias de seguridade.
Por outra parte, é importante evitar a concentración de persoas para que a cabalgata sexa totalmente segura fronte á Covid19.
Esta é unha actividade organizada polo Concello de Zas e que se inclúe dentro da programación de Nadal. Ademais, conta coa colaboración do Bazar Baio.