O Concello de Zas celebra o Mes do Patrimonio cun programa de paseos virtuais polo municipio

28-10-2020

Cun formato adaptado á situación sanitaria provocada polo Covid-19, o Concello de Zas celebra o Mes do Patrimonio cun programa de paseos virtuais polo noso municipio coa finalidade de dar a coñecer algúns dos elementos patrimoniais máis destacados así como de celebrar dun xeito diferente o Día Internacional do Patrimonio Mundial que se conmemora cada 16 de novembro. 

Con este novo formato de paseos virtuais, a veciñanza poderá achegarse en calquera momento e a un só clic a aqueles elementos patrimoniais máis destacados do noso municipio. Para iso empregaremos as redes sociais oficiais “Concello de Zas Actualidade Municipal” e “Turismo de Zas” nas que se publicarán cada día varias fotografías acompañadas dunha breve explicación sobre os elementos máis destacados de cada paseo. En total realizaremos catro percorridos que se distribuirán da seguinte maneira:

  • Zas, capital municipal. Do 2 ao 7 de novembro percorreremos a capital do noso municipio, Zas, visitando algúns dos elementos patrimoniais máis destacados. O patrimonio funerario, a igrexa de Santo André, a casa Consistorial, a casa da Torre, o muíño da Ponte e o pico do Castro serán algunhas das paradas que realizaremos na primeira semana de novembro. 
  • Muíño, antigo couto dos ozores. A parroquia de Muíño será a segunda parada destes percorridos virtuais. Para iso do 9 ao 14 de novembro visitaremos as torres do Couto, cabazos, a igrexa de San Tirso de Muíño e as laudas medievais que podemos atopar nela así como a capela e a fonte de Santa Margarida nas que cada 26 de xullo se xuntan ducias de romeiros.
  • Por Meanos e Loroño. O seguinte paseo virtual realizarémolo polas parroquias de Meanos e Loroño entre o 16 e o 21 de novembro. Alí deterémonos no pazo das Edreiras, na igrexa de San Martiño de Meanos, coñeceremos a historia do Cristo de Meanos, achegarémonos ata o pazo de Romelle e o cruceiro que está na súa contorna e adentrarémonos nos retablos da igrexa de Loroño. 
  • Brandomil, esencia romana. A última parada destes paseos virtuais será Brandomil. Teremos cinco días - do 23 ao 28 de novembro - para coñecer a súa esencia romana e para iso deterémonos na ponte, na igrexa e no castro de Brandomil, descubriremos os restos romanos que se agochan por todo o lugar, veremos os peculiares retablos da igrexa de Brandoñas e descubriremos a maxia do pozo de Limideiro.

Participar neste programa é moi fácil xa que tan só é necesario ser seguidor de calquera das contas oficiais do Concello de Zas e de Turismo de Zas que se poden atopar nas diferentes redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. 

Presentación do libro “Zas polo Miúdo”

Na programa de actividades do Mes do Patrimonio, organizado polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, tamén se inclúe a presentación do libro “Zas Polo Miúdo”, de Evaristo Domínguez e Xosé María Lema nun acto terá lugar o luns 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Mundial. Á presentación asistirán o Presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso; o Vicepresidente da Deputación de A Coruña, Xosé Regueira; o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; ademais dos propios autores. 

“Zas polo miúdo” é un proxecto posto en marcha no 2016 co propósito de dar a coñecer  e divulgar a historia de cada unha das 16 parroquias que compoñen o noso municipio. A documentación, elaborada por Evaristo Domínguez e Xosé María Lema, pode consultarse na páxina web do Concello de Zas a través da seguinte ligazón: http://www.concellodezas.org/portal-cidadan/zas-polo-miudo/gl

 

Compartir: