A feira de Baio e o mercadillo de Zas contarán cun “Punto Violeta”

03-08-2020

 

Continuando coas actividades de información e sensibilización contra a violencia de xénero, o Concello de Zas instalará na feira de Baio e no mercadillo mensual de Zas un “Punto Violeta” co obxectivo de informar e sensibilizar á veciñanza contra a violencia de xénero e previr calquera tipo de agresión sexual.

Para iso, dúas profesionais do ámbito socioeducativo con formación e experiencia de traballo en igualdade e prevención da violencia de xénero atenderán estes stands que se instalarán durante os meses de verán e de outono nas feiras que se celebren en Baio e no mercadillo mensual de Zas. As profesionais resolverán calquera tipo de dúbida sobre e o tema e informarán á veciñanza sobre os protocolos de actuación e os servizos a disposición das vítimas. Ademais, repartirán diverso material divulgativo co lema “Zas libre de violencia de xénero”. 

Esta actividade, promovida polo Concello de Zas a través da Concellería de Muller, Xuventude e Igualdade - encabezada por Patricia Fariña - forma parte do programa de “Sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres” financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia polo Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. 

“Con esta acción pretendemo sensibilizar á veciñanza contra as violencias machistas ademais de darlle resposta da mellor forma posible a situacións nas que puideran darse agresións machistas”; sinala Patricia Fariña, Concelleira de Muller, Xuventude e Igualdade do Concello de Zas. 

 

Compartir: