Volve o DéporCampus Cabreiroá 2020 ao Campo Municipal Platas Reinoso de Baio con novas medidas de seguridade fronte ao Covid-19

29-06-2020

 

Xa se poden realizar as inscricións para o DéporCampus Cabreiroá 2020 que terá lugar do 27 ao 31 de xullo no Campo Municipal Platas Reinoso de Baio. Esta nova e cuarta edición, estará marcada polas novas medidas de seguridade que se aplicarán co fin de facerlle fronte ao Covid-19. 

O DéporCampus Cabreiroá 2020 presentouse esta mañá nas Torres do Allo nun acto ao que asistiron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; Pablo Barros, coordinador das actividades formativas da Fundación Real Club Deportiva da Coruña; Chema Rey, presidente do CD Concello de Zas; Rebeca Facal, presidenta do CD Baio; e Emilio Corzón, adestrador do CD Concello de Zas. O rexedor de Zas, Manuel Muíño, descatou a importancia de acoller unha nova edición deste evento deportivo que é un éxito ano tras ano e que nesta ocasión é o único que ten lugar en toda a Costa da Morte. 

Este campamento deportivo está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos e serán os técnicos do RC Deportivo os encargados de dirixir as diferentes sesións de adestramento nas que os participantes terán a oportunidade de mellorar as súas habilidades, gozar do xogo e facer novas amizades. 

Inscricións

As inscricións están abertas ata o 23 de xullo ás 12:00 horas e pódense formalizar a través da seguinte ligazón: http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/zas-2020/inscribete. As tarifas son de 120€ a normal e de 100€ a bonificada - entre os que están os xogadores do Club Deportivo Concello de Zas - e inclúen equipamento deportivo, máscara oficial do RC Deportivo, seguro de accidentes deportivos, auga e froita durante os adestramentos, diploma e sorteo de regalos.  

Para calquera dúbida sobre o proceso de inscrición pódese escribir directamente ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.

 

 

 

Protocolo Covid-19

Como principal novidade, aplicarase un protocolo especial fronte ao Covid-19. Así todos os participantes recibirán unha máscara oficial do RC Deportivo, xunto coa equipación DéporCampus. O protocolo de seguridade das medidas hixiénico - sanitarias pode consultarse aquí. Por este motivo, as prazas están limitadas. Ademais, aplicaranse as seguintes medidas: 

  • As instalacións deportivas contarán con material de desinfección tales como xel desinfectante, papel e xabrón e papeleiras
  • As actividades deportivas realiranse en todo o momento ao aire libre
  • Tanto as instalacións como o material limparase e desinfectarase de xeito reiterado e cun mínimo de dúas veces ao día
  • Os produtos de limpeza empregados serán os recomendados polas autoridades sanitarias
  • A merenda dos participantes (auga e froita) repartirase en bolsas individuais
  • Cada xogador/a terá a súa propia botella de auga, marcada co seu nome e non deberá ser compartida
  • Non se poderá usar as duchas dos vestiarios das instalacións deportivas 
Compartir: