Os campamentos infantís volven ao Concello de Zas durante todo o mes de xullo
23-06-2020
O vindeiro 1 de xullo arrancan os campamentos infantís “Zas no Verán 2020” organizados polo Concello de Zas e incluídos no programa didáctico das Torres do Allo financiado pola Deputación da Coruña.
Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos e teñen como obxectivo, por un lado, favorecer a conciliación familiar da nosa veciñanza e, por outro, que os máis novos da casa desfruten do deporte, da natureza e do noso patrimonio durante as vacacións estivais. Haberá dúas quendas; unha do 1 ao 15 de xullo e outra do 17 ao 31 do mesmo mes, e en ambos casos serán en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Co fin de seguir os protocolos de seguridade recomendados polas autoridades sanitarias, haberá un número de reducido de participantes por cada quenda e haberá unha única sede para ambas quendas que será o pazo das Torres do Allo.
As inscricións poderán facerse vía telémática - a través da Sede Electrónica do Concello de Zas - ou presencialmente no Centro Sociocultural de Zas ou no de Baio. As inscricións son gratuitas e terán preferencia os preinscritos empadroados no Concello de Zas.
Medidas de prevención do Covid-19
Ademais de centralizar as actividades nunha sede única, durante o desenvolvemento dos campamentos reforzaranse as medidas de prevención contra o Covid-19 entre as cales están evitar ir ás actividades aqueles nenos e neas que pertenzan a algún grupo de risco (enfermidades cardiovasculares, asmáticos, diabéticos ou afeccións graves), tiveran contacto con persoas afectadas polo Coronavirus Covid-19 ou que presenten algunha sintomaloxía relacionada coa enfemidade (tos seca, dor de garganta, febre, vómito, diarrea, urticaria,…).
Os monitores das actividades indicarán en todo o momento aos nenos e nenas e familiares as diferentes medidas para salvagardar a seguridade de todos e todas tales como respectar a distancia interpersoal, uso de máscaras e dos xeles hidroalcohólicos,…