O Concello de Zas mantén pechados os seus parques infantís ata que se podan garantir as medidas sanitarias de forma segura

19-06-2020

 

O Concello de Zas manterá pechados os seus parques infantís ata que se podan garantir as medidas sanitarias e non poñer en perigo a seguridade dos nenos e nenas e das súas familias fronte ao Coronavirus Covid-19. 

O pasado sábado, a Xunta de Galicia autorizaba a apertura dos parques infantís municipais establecendo unha serie de directrices que, segundo indica o Alcalde de Zas - Manuel Muíño Espasandín - “son inasumibles para as administracións locais”. Manter unha limpeza e unha hixienización constante, controlar o aforo e delimitalo a un usuario cada catro metros cadrados, facilitar xel hidroalcohólico,… son algunhas das medidas establecidas pola Xunta de Galicia. “Cumprir estas medidas sanitarias é materialmente imposible e suporían un importante sobrecusto para as arcas municipais, polo que o máis responsable é mantelos pechados”, manifesta o rexedor de Zas. 

Ademais do custe económico e do aumento de persoal, estas medidas supoñen - en palabras do Alcalde de Zas - un problema de organización xa que non se pode levar a cabo dun día para outro. “Para cumprir coa normativa imposta implicaría ter unha persoa en exclusiva para cada parque do concello durante todo o día”, sinala Muíño. Ademais, o rexedor de Zas critica que se lles cargue á administración local con esa responsabilidade mentras que a Xunta de Galicia segue sen abrir colexios, garderías ou centros de día que son de titularidade autonómica.

Desta forma, o Concello de Zas súmase a outras vilas e cidades galegas que manteñen pechados os seus parques e instalacións deportivas ao carecer dos medios persoais e materiais para garantir a seguridade sanitaria de todos os nosos nenos e nenas así como das súas familias.

Compartir: