Cancelada a 37ª edición da Festa da Carballeira
15-05-2020
Dende a organización da Festa da Carballeira de Zas sentimos comunicar a CANCELACIÓN da 37 edición do festival que se iba celebrar o 31 de xullo e o 1 de agosto de 2020.
A situación actual non nos permite garantir a seguridade de todas as persoas participantes no festival (voluntarios, artistas, técnicos, provedores e público).
É unha decisión tomada dende a responsabilidade, con todos os participantes, pero sobre todo, responsabilidade cos nosos veciños e os nosos maiores aos que queremos seguir vendo en futuras Carballeiras.
Queremos expresar o noso agradecemento a patrocinadores, provedores e artistas cos que xa tiñamos contactado para participar na presente edición, e o agradecemento a todo o mundo que nos apoiou nestes 36 anos, nos que, pese a momentos moi difíciles, nunca se tivo que suspender ningunha edición.
Para toda a xente que estamos detrás deste evento foi unha decisión moi dolorosa e moi difícil, pero voltaremos! e haberá máis Carballeiras.
A nosa intención é que a de 2021 sexa unha edición especial, máis plural, máis galega ca nunca, e sobre todo libre de virus.
Moitas gracias a todos e agardámosvos o próximo ano, en Zas, como os 36 anteriores!
Vémonos os 6 e 7 de agosto de 2021, NA CARBALLEIRA DE ZAS.
Asociación Cultural Castro Meda