O Concello de Zas conmemora o Día das Letras Galegas cunha sesión de contacontos virtual para os máis novos da casa

13-05-2020

Ainda que a crise sanitaria provocada polo Covid-19 obrigou a cancelar os actos previstos para a conmemoración do Día das Letras Galegas, o Concello de Zas non quere deixar de conmemorar unha data tan senlleira da nosa cultura como a do 17 de maio. E para iso, o próximo sábado, 16 de maio, realizaremos unha sesión de contacontos dende a páxina de Facebook do Concello de Zas Actualidade Municipal dirixida aos máis novos da cassa.

Na función virtual que leva por título “Lilí Gruyère en directo!”, a ratiña de Trinke Trinke Teatro fará referencia a Ricardo Carballo Calero, o autor homenaxeado este ano. A sesión retransmitirase en directo dende a páxina de Facebook do “Concello de Zas Actualidade Municipal” o próximo sábado 16 de maio ás 12:00 horas.

Por outra parte, ao longo destes días pendurarase das redes sociais do Concello de Zas información sobre Ricardo Carballo Calero co fin de dar a coñecer entre a veciñanza a súa vida e a súa obra.

 

Apertura das Bibliotecas

Por outra parte, a partir do vindeiro luns, 18 de maio, reactivarase o servizo de préstamo e devolución nas bibliotecas municipais do Concello de Zas. Estes serán os horarios de apertura:

  • Biblioteca Municipal de Zas: luns, mércores e vernes de 09:00 a 14:00 horas
  • Axencia de Lectura de Baio: Martes e xoves de 09:00 a 14:00 horas

A apertura das bibliotecas municipais farase seguindo as medidas de seguridade e hixiene establecidas. Desta forma, só se atenderá a unha persoa de cada vez e todos/as os/as usuarios/as deberán acudir con mascarilla. Cabe sinalar que polo momento non está permitida a lectura en sala nin o acceso aos puntos informáticos co fin de minimizar os riscos de contaxio por Covid-19. 

 

Compartir: