Santo Adrián de Castro
Santo Adrián de Castro (+info ampliada) Actualiz. 10/05/2017
POBOACIÓN (2016)
- Berbia 26
- Caberte 4
- Santo Adrián 73
- A Devesa 4
- Rial de Abaixo 29
- Total: 136 persoas
A parroquia de Santo Adrián de Castro (nome completo para designar a parroquia) conta cuns 4,6 km2 e está conformada polos lugares ou aldeas de Santo Adrián, Berbia, Caberte, A Devesa e Rial de Abaixo.
Domina o seu territorio o monte do Castro con 317 m. de altitude, a carón do cal se celebra a Festa da Carballeira de Zas, festa folk coñecida en toda Galicia. Nel aínda se conservan restos dun dos castros máis importantes do Concello de Zas, e ao seu pé, polo leste, pasa o río de Meanos, e que algúns lle chaman Troitín -que, a partir de aquí, pasará a chamarse río de Zas-. Trátase dun río que nace preto da aldea de Churía, e pese ó seu pouco caudal pero con bos desniveis, foi aproveitado para instalar unha pequena minicentral hidroeléctrica que subministrou durante algún tempo, hai xa bastantes anos, electricidade para o núcleo de Zas e arredores; era a chamada Presa de Enrique.
Case toda parroquia é zona de transición entre as terras máis elevadas das parroquias do sur do concello, prolongación da meseta do Xallas e os lindes coas terras máis baixas e achanzadas do Val de Soneira regadas polos ríos Zas e Sisto, como máis destacados.
No tocante á súa evolución demográfica, a parroquia contaba, por exemplo, con 20 veciños en 1607 e con 315 habitantes en 1970; a partir deste ano dáse unha inflexión brusca e o número de habitantes comeza a descender dun xeito acelerado. Tendencia que se mantén e se acentúa nos anos que van do presente século. Se a comezos tiña 170 habitantes, a 1 de xaneiro do 2016 só contaba con 136 (un 20% menos dos que había 16 anos antes).
En canto aos seus topónimos, Santo Adrián é o nome do lugar onde se atopa a igrexa parroquial; é outro dos catro haxiotopónimos (‘nome de lugar orixinado polo culto a un santo ou a unha santa’) do Concello de Zas. Berbia posiblemente sexa de orixe prerromana. Caberte puidera ser unha alteración de Casberte < Casa Berti (Berti sería o xenitivo dun nome xermánico Bertus). A Devesa ven do lat. defensa; a función das devesas en Galicia era a de producir madeira para distintas finalidades. Rial procede dunha palabra latina medieval, regale, derivada do tamén verbo latino rigare 'regar' (posiblemente tal nome se deba a un curso de auga para regar as leiras).
A igrexa parroquial conta cun bonito cruceiro, quizais de finais do séc. XVIII, que no anverso ten un Cristo crucificado con tres cravos, cos brazos moi estricados e no reverso, unha Inmaculada. As características arquitectónicas do templo responden case enteiramente ó estilo barroco da segunda metade do séc. XVIII: tanto na fachada, coa súa ventá lobulada e a fermosa torre-campanario –descentrada, que se ergue no lateral norte-. O seu retablo maior é de boa calidade artística e conta con imaxes de Santo Adrián, san Brais, San Roque ; responde ás características do estilo neoclásico e realizouse a finais do séc. XVIII. O seu autor tal vez fose, así mesmo, algún importante artista de Santiago. Ademais, conta con outros dous retablos, o da Virxe do Rosario e o de Santo Antonio e sen esquecer a cruz parroquial datada na segunda metade do séc. XVI, seguramente da autoría de Jorge Cedeira o Mozo, importante ourive compostelán.
FESTAS:
- 3 de febreiro, San Brais (na igrexa) con xantar familiar o domingo seguinte
- Domingo seguinte á data oficial no calendario, a Ascensión
- Terceiro sábado de xuño, o Sacramento
- Terceiro domingo de xuño, Santo Antonio con verbena
- 8 de setembro, Santo Adrián, con misa solemne