Gándara
Santa María de Gándara (+ info ampliada) Actualiz. 07/02/2018
SUMARIO
- Relevo
- Hidrografía
- Xeoloxía
- Demografía
- A orixe dos nomes dos lugares de Gándara
- Parroquia de senlleiras paisaxes: o Pico de Meda e as fervenzas do río Rabiñoso.
- A igrexa parroquial de Santa María de Gándara
- Dous interesantes cruceiros: o procesional e o do Sisto
- Unha parroquia cunha gran riqueza arqueolóxica
- Gándara nos documentos históricos
- Festas parroquiais
- Inventario dos bens do patrimonio de Gándara (PXOM)
- Bibliografía básica
POBOACIÓN (01/01/2017)
- Budián 76
- Gándara 10
- Parga 18
- Quintáns 68
- Sisto (O) 87
- Sobreira 31
- Vilar Ramilo 20
- Vilaestévez 57
Gándara sítuase no extremo NO do concello de Zas. Toca a parroquias de 3 concellos distintos: Nantón (polo N e NE, Cabana de Bergantiños); Cuns (polo E, Coristanco) e Santa Sabiña (polo SE, Santa Comba). Dentro do seu propio concello ten lindes con Carreira e San Cremenzo
É a terceira parroquia de Zas pola súa extensión, tan só por detrás de Muíño e San Martiño.
Formaba parte no Antigo Réxime da xurisdición señorial de Vimianzo e era acumulativa á xurisdición real de Soneira.
No seu relevo distínguense tres partes ben diferenciadas:
1.- A oriental, que queda ó leste do macizo de Pico de Meda formado por un val triangular relativamente encaixado no que se asentan os núcleos de Vilar Ramilo, Parga e Budián.
2.- Unha aliñación montañosa no centro que vai de S a N e que a divide en dúas partes case iguais. No cume de Pico de Meda –entre Gándara e Carreira- acádanse as maiores altitudes de toda a zona (566 m ).
3.- Por último a parte occidental, predominantemente chá que formaría parte do chamado Val de Soneira. Nesta parte occidental estarían os demais núcleos de poboación.
O seu principal curso de auga é o río do Sisto –que nace na parroquia xalleira de Santa Sabiña e será a achega principal que formará o río do Porto ou Grande. A destacar deste río a zona do Rabiñoso cunha fermosa fervenza e varios muíños e, preto, as vistas que hai desde Pico de Meda. Realmente son dous sitios (Rabiñoso e Pico de Meda) que un non pode deixar de ver se visita a parroquia.
A igrexa ten base estrutural de época románica da que só queda a porta principal rematada nunha fermosa dobre arcada (un dos poucos exemplos do románico do séc. XII que se poden ver en Zas). Sufriu reformas entre 1930 e 1935 e entre 1961 e 1967 que afectaron un pouco o seu aspecto. No ano 1860 un raio derruba a fachada e a espadana que foi reconstruída con excelente gusto por José Touceda en 1862.
A capela do lado N fundada entre 1678 e 1709 estivo dedicada a Santa Margarida. No seu exterior está o escudo nobiliario dos fidalgos fundadores. A capela do lado sur estivo dedicada ó Santo Nome de Xesús.
Conta con dous interesantes cruceiros; o procesional que se encontra a uns centros de metros da fachada, conserva no súa base a data de 1720 e o outro está no Sisto, amosando uns signos estraños no seu fuste.
Conta cun importante patrimonio arqueolóxico: unhas 14 mámoas; dou fermosos e relativamente ben conservados castros: o de Vilaestévez e o do Bico da Cruz ou das Cortellas; tres puntos nos que se atoparon restos romanos entre os que destaca a Agra da Cruz, non moi lonxe da igrexa, onde á vista dos restos alí encontrados é posible situar a existencia dunha vila romana no séc. II ou III d.C.
Tamén quedan os alicerces do que serían unhas torres medievais –Torres do Boén ou de Surribado- que segundo algúns documentos puideron pertencer ó conde Diego Pérez Sarmiento.
Por último, sinalar o interesantes que son uns símbolos, ata o de agora non ben estudados, que hai no interior do cabazo ou hórreo de Trelles ou do cura, nas pedras que conforman o piso.
As súas festas principais son o último domingo de maio (As Dores) e o 15 de agosto (A Asunción). Outras festas menores serían santo Antonio (o luns posterior ás Dores); san Sebastián (20 de xaneiro); san Sidro (15 de maio); san Roque (16 de agosto) e o Rosario (último domingo de setembro).
Non se esqueza pulsar o enlace ó final desta páxina para acceder a unha información MOITO MÁIS AMPLA.