Carreira
Santiago de Carreira (+info ampliada) Actualiz. 10/01/2018
SUMARIO
- O relevo
- Hidrografía
- Xeoloxía
- Demografía
- A orixe dos nomes do lugares de Carreira
- A igrexa parroquial de Santiago de Carreira
- Unha parroquia cun asociacionismo moi vivo
- Carreira, tema de estudo dunha antropóloga canadense.
- Parroquia pioneira na recuperación do liño
- Carreira nos documentos históricos
- Outras curiosidades históricas de Carreira (séc. XIX)
- Festas parroquiais
- Inventario dos bens do patrimonio de Carreira
- Bibliografía básica
POBOACIÓN (2016)
- Carreira 130
- Pedramaior 52
- TOTAL 182
Situada no terzo norte polo seu borde oriental, ten lindes con Santa Sabiña (Santa Comba) (SE); Gándara, (N e NE); San Cremenzo (NO); Lamas (O) e Mira (S). A Zas só a toca nun punto: a Pedra dos Cregos.
No Antigo Réxime pertencía ó dominio do Conde de Altamira e era acumulativa á xurisdición real de Soneira.
No seu relevo distínguense tres zonas: unha faixa estreita e achanzada nos cumes da Serra de Santiago, unha forte pendente ata as dúas aldeas e unha zona achanzada que se corresponde co Val de Soneira.
Só ten dous núcleos de poboación –Carreira e Pedramaior- que xuntaban no 2016 182 habitantes (84 menos que no 2001). Os dous topónimos parece ter unha explicación clara: Carreira procede do latín Carraria ‘camiño de carro’, e Pedramaior pode facer referencia a unha pedra singular de gran tamaño.
Na igrexa, a principios do séc XVII fundáronse dous altares dedicados a san Xurxo e a san Silvestre que acabaron desaparecendo. En 1769 realízanse importantes obras na fachada protestadas polos veciños por teren que pagalas todas eles e por 1714 reconstrúese a capela maior e faise unha nova sancristía. En 1804 Ignacio García, de Follente fai o nicho dos dous retablos colaterais na nave. En 1879 tivo outras importantes reformas e, por último en 1966 sufriu unhas reformas de consideración que eliminaron case todos os vestixios arquitectónicos anteriores.
Cando en 1998 se construíron as actuais escaleiras de acceso desenterráronse tres sartegos de pedra da época sueva (século VI d.C.). Tamén se teñen localizadas tégulas romanas e unha ara (hoxe desaparecida) na Agra das Cruces.
Carreira é unha parroquia que destaca polo seu asociacionismo. É moi importante o labor levado a cabo pola Asociación O Santiaguiño no desenvolvemento da parroquia: recuperación do cultivo do liño, construción dunha praia fluvial, a cría de cabalos no somonte de Pico de Meda, a festa da praia, a rapa das bestas etc. Tamén conseguiu un magnífico local social nunha casa restaurada.
Tan importante foi ese labor que sería o tema dunha tese de doutoramento dunha antropóloga canadense, de Newfoundand (Terranova), Sharon R. Roseman, que máis tarde publicaría un libro cunha amplo resumo en galego: O rexurdimento dunha base rural no concello de Zas. O Santiaguiño de Carreira (Ed. Baía, 2008).
Destacamos e explicamos detalladamente como foi o proceso de recuperación do cultivo do liño: con todos os traballos requiridos.
Igualmente, amósase unha serie de textos históricos relacionados coa parroquia con datas de 1592, 1607, 1753, 1847 e 1928.
Tamén se cita, como curiosidade, o caso dun cabazo de pedra de boa feitura que foi xogado nunha partida de cartas e perdido por un veciño de Fornelos (Baio), en 1847. O gañador mandou unha carretada para desmontalo peza a peza e levantouno de novo en Carreira.
Non se esqueza pulsar o enlace ó final desta páxina para acceder a unha información MÁIS AMPLA.